Unha nova edición, e xa van catro, cimentan as bases para a consolidación dunha das feiras máis singulares que se celebran en Galicia.
O municipio coruñés de Curtis, por medio do evento “Curtis na lembranza, as feiras de 1900”, reviviu, o pasado sábado 27 de xullo, os tempos en que a chegada do ferrocarril até esta localidade, potenciou a afluencia ao seu mercado tradicional.
De feito, as feiras actuais atopan o seu arraigamento, no caso de Curtis, nas que se celebraban ao redor da estación de ferrocarril (inaugurada en 1883) e que xerou riqueza social e económica, así como lugar de difusión de costumes.
A chegada á estación de ferrocarril de Curtis dun tren procedente da Coruña con pasaxeiros vestidos como a principios do século pasado, que foron recibidos con todas as honras por unha comitiva, marcou o inicio da feira.
Numerosos participantes déronse cita nas rúas desta vila, na que puideron gozar do programa de animación, os talleres de oficios e postos de artesanía e gastronomía. Representacións teatrais, cantar do cego, marionetas, música e danza, exposicións, elaboración de queixo, degustacións, talleres, carruseis, noras, carrusel e xogos para os máis pequenos,… A destacar o tradicional Paseo das mozas, camiño do Baile, que tivo lugar na Carballeira.
Hai que destacar a forte implicación dos habitantes de Curtis, que en gran número caracterízanse ao modo da época para dar maior vistosidade á festa.
Para máis información podedes consultar http://www.curtisnalembranza.es/