Como saberedes, o pasado fin de semana, os días comprendidos entre o venres 26 e o domingo 28 de xullo, tivo lugar unha nova edición da Feira Modernista de Sada, alcanzando xa o número VIII.
A proposta desta Feira é facer unha viaxe ao pasado, concretamente a finais do século XIX e principios do século XX, no magnífico marco que supón esta fermosa cidade costeira, próxima á Coruña.
En primeiro lugar é de destacar o enorme número de persoas ataviadas, moi ben por certo, o cal confire á festa un colorido e viveza que sen esa caracterización tan coidada, non fose posible.
Excelentes vestidos, traxes, complementos e peiteados, encheron o paseo marítimo de Sada, nunhas xornadas moi agradables baixo a caricia do mar e os raios do sol.
Un atractivo, aínda que pequeno mercado, diversos photocall, elementos de decoración, animación, xogos para nenos, espectáculos de artes escénicas e concertos encheron de vida o tres xornadas festivas.
Os festexos arrincaron coa apertura do mercado modernista nos xardíns do paseo marítimo. Os asistentes puideron gozar, entre outras actividades, dunha proxección de cinema clásico ao aire libre, concretamente “Gabinete do Doutor Caligari”, así como un concerto modernista a cargo da banda de música.
Doutra banda, o sábado, recuperouse o costume, perdida estes últimos anos, de elaboración dun globo de papel, aínda que de pequenas dimensións. Tamén se puido gozar de talleres, espectáculos de danza e maxia e exhibicións de cabaret así como a representación das alegres comadres de Windsor e un concerto de Revival Stompers e Marian Ledesma.
O último día, o domingo os asistentes puideron gozar dun paseo no autobús modernista e un picnic no paseo, así como espectáculos de monicreques, talleres de baile de swing e un concerto de Vos Bregadiers.
En resumo, unha festa que se está consolidando, sobre todo pola enorme implicación dos propios habitantes de Sada, que coa súa activa participación contaxian o seu entusiasmo aos visitantes que por alí nos pasamos.
A única cuestión negativa, a dificultade para aparcar o vehículo todos aqueles que chegamos á vila. Debesen habilitarse prazas, aínda que fose nos arredores, tendo en conta que o descoñecemento do seu trazado urbano e zonas de posible estacionamento orixinou longas colas, desconcerto e perdas de tempo. Con boa vontade e algo de iniciativa, poderanse localizar solares nos que estacionar, sinalizando a forma e dirección de chegada, e, se fose o caso, establecendo autobuses lanzadeira até o paseo marítimo de Sada.
No entanto, unha magnífica festa á que nos enganchamos e á que volveremos o ano que vén.