Un novo evento de recreación histórica terá lugar nos próximos días. Nesta ocasión a viaxe ao pasado levaranos a principios do século XX mercé á celebración, os próximos días 18 a 20 de outubro, na localidade coruñesa de Arteixo, da edición número XX da Feira histórica 1900.
Nesta ocasión a temática principal, diferente cada ano (mar, amor, emigración,…), centrarase na danza. Desta maneira o baile será o protagonista, e así se recrearán os bailes máis tradicionais interpretados por asociacións como Xiradela, os espectáculos infantís como “A danza dos Páxaros” a cargo de Paporrubio, ou as ilusións ópticas de Yolanda Paz e a súa “Danzando coa Lúa”, serán as cabezas de cartel. Pero estas non serán todas as actividades ao redor da danza, tamén estarán presentes outras de carácter máis exótico como as que presenta a Ora Tahiti Galicia, co seu número “Unha ollada á Polinesia de Gaugin”. E aínda por riba, para aqueles interesados en iniciarse no mundo do baile, tamén haberá obradoiros de tango e de baile tradicional.
Falando de danza, non poden faltar tamén as actividades ao redor da música, e para iso a organización da Feira histórica dispuxo que durante os 3 días os visitantes e participantes poidan gozar de pasacalles e concertos de bandas, que representarán composicións tradicionais e outras máis recentes. Unha exposición con fotografías, obxectos antigos e vestiario de danza poderá contemplarse no Centro Cívico Cultural.
E como vén sendo habitual nas últimas edicións, as carreiras de carrilanas, a taberna de Picado, as perfomances e representacións teatrais ampliarán o abanico de actividades coas que aproximarnos á vida festiva e lúdica naqueles anos.
Mantense a organización da habitual cea histórica, exclusiva para maiores de 12 anos, e para a que é necesario adquirir os correspondentes tikets.
Os máis pequenos terán tamén o seu espazo e propostas: pasacalles, tironias e gymkanas.
E como iniciativa a resaltar, a fin de facilitar unha maior integración no ambiente festivo/histórico, e ao mesmo tempo facer máis vistosa a celebración desta Feira, aqueles que desexen caracterizarse con vestimentas acordes cos anos que se recrean, poden alugar os traxes na Sala dos Espellos.
Nesta ligazón á web do Concello, www.arteixo.org/gl/servizos/turismo/festas, podedes coñecer algo máis sobre esta Feira.