A Arribada, en Baiona, é a primeira das grandes festas medievais que teñen lugar en terras galegas. Como sabedes Baiona celebra a chegada da carabela a Pinta, capitaneada por Martin Alonso Pinzón, tralo descubrimento de América. Feito que supuxo que Baiona fose o primeiro lugar de Europa que tivo constancia do enorme descubrimento que tanto cambiaría a historia de España e do mundo.
A vila acolleu un ambiente festivo e tranquilo, co único punto negro do desapracible día, que desde o punto de vista do tempo, nos acompañou o domingo.
Nesta edición da Arribada, os actos programados iniciáronse o xoves 28 de febreiro co VII Ciclo de Conferencias dos Pobos Colombinos de España, que o final levou a Javier Sierra, Premio Planeta 2017, a intervir coa súa conferencia “Sabía Colón a onde ía?”, e que terá unha segunda actividade o xoves 11 de abril, coa intervención de Almudena de Arteaga e do Alcázar, Académica da Real Academia Hispanoamericana das letras, as artes e as ciencias, que intervirá coa súa conferencia: “María Pita, A expedición filantrópica da vacina que salvou ao mundo da viruela (1803-1814).
O comezo da festa da Arribada tivo lugar o venres día 1 co anuncio do mesmo mediante os canóns da Fortaleza. E desde ese mesmo momento ata o remate da festa o domingo, día 3 de marzo, con disparos de lombarda anunciado o final do Real Mercado, tiveron lugar innumerables actividades para todos os públicos.
Nós chegamos a primeira hora do sábado co sol acompañándonos nesa xornada. O primeiro obstáculo que atopamos foi as enormes dificultades para atopar un lugar onde estacionar o noso vehículo. Non hai, ou polo menos non hai información clara diso, dun lugar específico para iso. Superado este problema, dirixímonos ao porto a través das rúas centrais nas que estaban colocados múltiples postos de artesans, comerciantes, propostas gastronómicas, zona de xogos para nenos, etc. A parte da artesanía, a máis interesante para nós, estaba situada na contorna da casa do Concello, onde tamén se levaron a cabo algunhas das actividades programadas.
Nunha festa coa historia e prestixio da Arribada, sorprendeunos a escasa ambientación, decoración e música ambiental, xa que se limitaba a algunhas das zonas, pero non en todo o percorrido da feira. E aínda que había bastantes persoas caracterizadas ao modo medieval, tamén nos chamou a atención que había menos das que esperabamos. Desde o punto de vista organizativo creemos que se debe facer un esforzo engadindo máis puntos de información, por exemplo un directorio con horarios e actividades en cada unha das localizacións onde teñen lugar as actividades máis importantes. Tampouco estaría de máis ter zonas de aparcamento ben sinalizadas e ata ter voluntarios en determinadas horas para orientar, informar,…
En canto aos asistentes, segundo comentaban os veciños da vila, parece ser que a afluencia nesta edición foi menor, ao coincidir cos Carnavais.
O Parador, situado dentro da antiga muralla de defensa da cidade, é un escenario perfecto para unha festa destas características. Aos seus pés o mar, a praia e a réplica da carabela “A Pinta”, acolleron un bo número de espectáculos e actividades. No noso caso aproveitamos a oferta dun menú gastronómico, servido por camareiros caracterizados de lacaios, con: lascas de xamón asado, empanada, croquetas, churrasco con patacas asadas e arroz con leite, manxares propios duns príncipes e nunha contorna idílica que nós gozamos e, por suposto, recomendamos. Por iso, a súa boa cociña, as súas vistas, a súa solera, a súa clase, a súa historia, a oportunidade de pasear polo perímetro das súas murallas e polo seu interior, caracterizada de nobre dama viaxando no tempo… fai que sexa obrigada a súa visita.
Sería prolixo falar das actividades que se desenvolveron durante os días da Festa, pero por citar as, na nosa opinión, máis relevantes, falaríamos das Mostras que tiveron lugar na Casa do Concello e na Capitanía Marítima, o espectáculo “Presaxio” co druida Haemus, e o de “Tenebrae”, de lumes nocturnos, os talleres de artesans, a presenza de gremios de canteiros e ferreiros, os monicreques, os espectáculos de cetrería, o parque de aventuras e atraccións, as demostracións de puntería e tiro con arco, a réplica da Carabela A Pinta, o Gran desfile medieval, demostracións de esgrima antiga e artes marciais históricas europeas, o gran torneo medieval, a Xusta de cabaleiros, espectáculos de acróbatas e danza, a representación teatral da Arribadada do Descubrimento.
O que nos gustou *muchísimo foron as actividades de animación: performances, pasarrúas,… e, sobre todo pola sua espectacularidade, os dragóns do paseo marítimo (altas figuras móbiles ás que, ata parados, o vento dáballes vida), a cargo de Pablo Méndez, Compañía de Perfomances.
Tamén nos chamou a atención a actuación dun peculiar faquir, que *casualmente (ou cousa dos fados do destino), requiriu para un dos seus números a colaboración “voluntaria” de Alberto, un dos tres promotores deste Blog.
Como conclusión, destacamos unha festa digna de coñecer, nunha vila marabillosa, para visitar en calquera época. Excelente a gastronomía local e sobre todo, un amable trato na hostalería. E aínda que non é habitual que enunciemos os locais que visitamos, porque cada un ten os seus intereses e gustos, si considerámonos na obrigación de facelo cando os servizos que prestan están moi por encima do habitual. Por exemplo no bar: “CoffeeTime”, na Rua Cuba, almorzamos os dous días e fixemos un par de visitas máis en horario vespertino, gozando dun persoal moi amable, cun trato inmellorable, a máis diso unhas tapas, croissant e cafés moi ricos.
En xeral, boa festa de ambiente familiar que abre a boca para o extenso calendario das próximas festas de recreación histórica que se aveciñan a partir de agora e ao longo do verán. A Arribada deixounos un bo sabor de boca. Sen dúbida, repetiremos para o próximo ano e animámosvos a visitala.