Asistimos puntualmente á nosa cita coa historia na recreación que do Mercado Medieval realízase anualmente na localidade lucense de Mondoñedo.
Como sabedes Mondoñedo é un municipio con moita historia, xa a principios do século XII, co traslado da Sede Episcopal de San Martiño de Mondoñedo a Vilamaior do Val de Brea, ou Vallilbria, a actual Mondoñedo; posteriormente o recoñecemento con categoría de cidade que lle outorgou o rei Alfonso XVII de León no ano 1156. E por fin a finais do século XII e principios do XIII coa finalidade de fomentar a poboación na vila, trasladouse a Sede Episcopal desde Ribadeo a Mondoñedo.
As pegadas da historia atópanse nas súas rúas e en diferentes episodios que marcaron a súa traxectoria. O episodio máis soado da historia antiga de Mondoñedo foi a decapitación do Mariscal Pardo de Cela. Acusado de traizón e apresado no seu castelo da Frouseira, a súa muller obtivo o perdón da raíña Isabel a Católica, pero os inimigos do Mariscal detiveron aos portadores do indulto real na ponte do Pasatempo o tempo preciso para que fose executado.
A zona vella da cidade, declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1985, ten como centro a praza da catedral, monumento nacional construído no século XIII e cara a onde conflúen todas as rúas da vila. No ano 2015 a UNESCO decláraa patrimonio da Humanidade así como ao camiño do norte de Santiago que atravesa a localidade. En Mondoñedo destacan outros edificios como o Santuario dos Remedios, construído a mediados do século XVIII, o Hospital de San Pablo, construído na mesma época, o Convento da Concepción, a Igrexa de Santiago, o Mosteiro dos Picos e o Real Seminario.
Xa en pleno século XXI, a edición deste ano do Mercado Medieval, alcanzou o número XXVIII, e tivo lugar durante os días 9 a 11 de agosto. Moitos visitantes, aínda que a visita menos esperada e desexada foi a da choiva e o vento, este último sendo un importante azoute na tarde do venres e a choiva coa súa presenza sábado e domingo.
Un programa de actividades que, na nosa opinión, quedou algo curto, e no que espectáculos como o dos Cazadores de Dragons, resulta impropio dun evento que aspira a alcanzar cotas de calidade.
Excelente a idea de manter a degustación gratuíta de liscos, pan, veu e cervexa, como sempre na praza da Catedral. Mellor disposición dos postos do Mercado, en relación con outros anos, pero con menos calidade e variedade da que sería desexable son talvez as cuestións a apuntar.
Se facemos un repaso rápido, na nosa opinión, é altamente positiva a implicación dos habitantes, a decoración da Praza da Catedral, a mellora naseguridade, a megafonía e a música ambiental, actuacións como as dos pasacalles, os monicreques, os bufóns, a decoración do mercado e prazas, e a beleza e grandiosidade da fermosa vila de Mondoñedo..
No lado negativo da balanza, unha talvez menor calidade dos postos do mercado, a horrible escenificación da atracción do dragón, e acompañantes, máis propia dun entroido cutre que dun evento de recreación histórica; a falta de representacións teatrais, cantares do cego, etc, a ausencia de paneis informativos sobre a historia da cidade e o evento que se recrea. Tampouco a escenificación das vodas polo rito mozárabe na Fonte Vella, ten atractivo xa que resulta imposible de seguir por máis persoas que as 20 que rodean aos contraentes. Poucos visitantes ataviados ao modo medieval, uns photocall que non aportan nada, e para finaliza a plana organización da cea medieval, xa que debese ter lugar nun lugar en que os comensais (obrigatoriamente caracterizados ao modo medieval) puidesen sentar e gozar da cea amenizada con actuacións de trobadores, bufóns, música, danzantes, etc.
Por último lamentar os contratempos, interesados ou non por parte de terceiros, que impediron a presenza da excelente deseñadora Reme Espantoso, perdendo así a oportunidade de contemplar e, no seu caso adquirir, vestimentas medievais únicas en calidade e beleza.
Na nosa opinión, esta Feira leva dous anos perdendo lixeiramente o nivel que alcanzara, a pesar do cal segue sendo unha das festas máis atractivas do mes de agosto.