Próxima a celebración da XVIII edición da Feira Medieval que terá lugar na vila lucense de Monforte de Lemos, seguidamente deixámosvos información sobre a mesma.
A Feira terá lugar os días 16 e 17 de abril, sábado e domingo de Semana Santa. Trátase da recuperación dunha festa con gran tradición, tras dous anos de parón pola consabida pandemia do Covid.
O programa de actividades comezará o sábado 16 a partir das 12 horas, momento de presentación dos actos, a cargo duns pregoeiros que serán o preludio da intervención do Alcalde, José Tomei, quen procederá a declarar aberta a XVIII Feira Medieval de Monforte. Seguidamente haberá unha salva de artillaría cunha réplica dunha bombarda do século XIV.
Entre os espectáculos previstos destaca, unha vez máis, o das Xustas Medievais, que terán lugar os días 16 e 17, ás 18:00 horas. Como vén sendo habitual, o espectáculo corre a cargo da empresa Hípica Celta, tan habitual neste tipo de festexos en terras galegas. O marco para a súa celebración, tamén o habitual, o do campo de terra do fermoso colexio dos Escolapios.
Unha das principais novidades deste ano é o Desfile do Gran Dragón, que percorrerá desde a praza de España as principais rúas da Feira, tanto o sábado como o domingo á noitiña.
Xa na noite do sábado haberá un espectáculo de acción, con combinación de técnicas de manipulación de lume, música, acrobacia, maxia e pirotecnia fría, que terá lugar na praza do Parador, e dando como resultado un mundo misterioso e apaixonante como é o dos trasgos e das meigas. Este espectáculo culminará cun momento máxico que será a queima da fachada do Pazo dos Condes de Lemos, previa á solta dos Faroliños de papel co que finalizarán as actividades do sábado.
Poderase gozar dun campamento medieval que se localizará na praza de España e que está chamado a ser un dos eixos principais da Feira. Haberá recreacións históricas a cargo dos Cabaleiros de Ulver, e unha exposición de armeiros con armas de diferentes estilos, coleccións de indumentarias civís e utensilios propios da Idade Media. Estes cabaleiros encargaranse de vixiar a feira e realizar levas entre as xentes para a súa instrución militar. O campamento será presidido polos Xigantes dos Condes de Lemos.
Haberá actuacións de de xigantes, bufóns e un aumento dos espectáculos na rúa, seis actuacións musicais diarias, a cargo de diferentes agrupacións musicais.
Está previsto tamén un espectáculo con aves de rapina e cetraría, a cargo da agrupación de “Halconeros de Castilla”. O espectáculo terá lugar en Campo de San Antonio, por ser unha zona cun espazo libre de cables que non dificultan o voo e que por tanto non provocan tensión nas aves.
Na noite do sábado na subida até San Vicente, a organización previu a dispoñibilidade de 200 fachos, que serán repartidas no Campo da Virxe, e que acompañarán a todos aqueles que suban até a praza Luís de Góngora, ao ritmo de tambores e música, lugar no que se procederá á solta de 500 faroliños de papel.
Outra novidade nesta edición, é a inclusión dunha Mostra-exposición avícola, formada por distintas especies de aves da contorna, a cargo de “Avicultores Artesanais da Ribeira Sacra”. Esta mostra terá lugar durante toda a xornada do domingo na praza que dá ás rúas Ricardo Quiroga, do Burato e Pescaderías.
O domingo día 17, ás 9 da noite , na praza Campo de San Antonio, terá lugar o espectáculo “Fire Performance”, composto por música, acrobacias, bailaríns, percursionistas e manipuladores de lume.
Para os máis pequenos, hai tamén prevista unha programación infantil, atopando un Campamento Infantil Medieval xunto ao Convento das Nais Clarisas, no que haberá diferentes xogos, talleres, torneos e atraccións medievais.
O mercado contará cunha importante presenza de artesáns,hostaleiros e comerciantes, pois presentará un total de 103 postos. Deles, 50 son de artesanía, 34 de alimentación e 19 de comercio. Os postos de alimentación estarán distribuídos entre a venda de produtos gastronómicos que irán situados no interior do espazo dos mercados, o que se chama Zoco Gastronómico, e o resto das paradas gastronómicas distribuirase ao longo de todo o traxecto, sendo o zoco central destas paradas o atrio da igrexa da A Régoa.
E unha gran novidade, moi interesante na nosa opinión é a recuperación da Comida e a Cea Medieval, que se celebra no Parador de Turismo, e na que se poderán degustar elaboradas receitas medievais. Importante dicir que terán lugar o sábado e o domingo e é totalmente necesario, en caso de querer asistir, facer unha reserva anticipada
Para máis información, neste link, podedes acceder ao programa de actividades:
Programa de actividades XVIII Feira Medieval de Monforte de Lemos, 2022
PROGRAMA_XVIII_FEIRA_MEDIEVAL_DE_MONFORTE_2022
Se desexas manterche puntualmente informado as festas e eventos de recreación histórica que teñen lugar no noroeste peninsular e norte de Portugal, así como a lectura das nosas publicacións semanais con pequenas historias sobre curiosidades, crenzas, mitos, lugares, arte, personaxes e outras cuestións de índole histórica, subscríbeche gratuitamente ao Blog.