Hoxe queremos presentarvos unha nova iniciativa que está intentando consolidarse como evento de recreación histórica en terras galegas. Concretamente, falámosvos de Friulio, unha festa que este ano, 2019, celebrou a súa terceira edición.
Friulio ten lugar en terras do municipio lucense de Friol; un municipio con moita historia, no que podemos atopar vestixios megalíticos e castrexos. A posterior presenza, de habitantes do mundo romano e visigodo, supuxo que tamén deixasen as súas pegadas nestas terras.
Durante a Idade Media, varias familias, Ulloa, Parga e Seixas, repartíronse o poder neste término. Boa mostra diso son as edificacions, torres e castelos, que poboan o territorio: A Torre de Friol, a Fortaleza de San Paio de Narla, a Torre de Miraz e o Pazo de Remesil e de Trasmonte.
A edificación máis coñecida de Friol é a fortaleza de San Paio de Narla, de orixe descoñecida e reconstruída no século XVI, e sobre a que existen moitas lendas populares relacionadas coa mesma e os seus propietarios os Vázquez de Seixas. A leste mesmo linaxe pertenceu tamén o Pazo do Monte, situado nesta mesma localidade.
Friulio é unha festa castrexo-romana, promovida e organizada polo Concello de Friol e a Asociación Cultural Castronela, que este ano tivo lugar os pasados días 11 e 12 de maio. Pese a ser unha festa con pouco percorrido feito nas dúas edicións anteriores, foi capaz de atraer a presenza dunhas 30 asociacións, a maioría de recreación histórica, que participaron nos diferentes actos programados. Os asistentes puideron gozar de recreación de oficios, coñecer un campamento e contemplar o asedio ao castro, e ata participar nun descenso polo Rio Narla. Música e diferentes animacions, completaron o programa. En ámbito gastronómico, citar que o domingo tivo lugar unha degustación do porco celta.