Seguramente moitos xa o coñeceredes, pero permitídeme que hoxe vos fale e recomende o Castro de Viladonga, un xacemento de época tardorromana, entre os séculos II e I d.C.
Este Castro atópase no Noroeste da Terra Chá lucense, concretamente no municipio de Castro de Rei, e é un dos mellores conxuntos arqueolóxicos que temos en Galicia.
Entre os séculos VII e I antes de Éra cristiá, é dicir, durante a Idade do Ferro pero con certa continuidade en época romana, desenvolveuse no Noroeste da Península Ibérica a cultura chamada dos castros ou castrexa, caracterizada, entre outras cousas, por este tipo de poboados localizados en xeral en sitios prominentes e con sistemas defensivos diversos segundo a súa situación. A poboación dos castros constitúea sobre todo unha base de xentes indíxenas do Noroeste, á que se unen unha serie de influencias, procedentes da fachada atlántica e de Centroeuropa, en especial (aínda que non unicamente) de orixe céltica. Esta conxunción entre o autóctono e o foráneo, xunto con algunhas achegas de orixe mediterránea, é o que dá lugar á Cultura Castrexa de Galicia, de carácter e evolución moi singular.
Aquela poboación vivía da agricultura e do gando (e do marisco e a pesca nas zonas costeiras), coñecía a metalurxia do bronce e do ferro e dominaba tamén as técnicas da ourivaria do ouro, organizabánse nunha sociedade baseada en familias agrupadas en unidades máis amplas ligadas ao castro ou castellum, e debeu de ter unha vida espiritual e ideolóxica moi activa. De todo isto quedaron abundantes restos materiais en todo o Noroeste, ademais das informacións dos escritores romanos coetáneos e posteriores (que hai que interpretar na súa xusta medida).
O xacemento de Viladonga é claramente un castro característico do tipo do noroeste. Ten estrutura de poboado circular. Consta de varios recintos de murallas e fosos, dúas antecastros ou aterrazamentos e unha ampla croa ou coroa central (ás veces tamén denominada acrópolis interior), lugar no que se atopan a maioría das construcións descubertas ata agora: vivendas, currais e almacéns, algún edificio de uso social ou comunal etc., agrupadas todas elas formando conxuntos ou “barrios” en torno a dúas rúas principais e un camiño ou rolda paralelo á muralla principal. A muralla en realidade está composta de varias, cos seus foxos correspondentes.
As construcións forman algunhas veces conxuntos ou unidades complexas (ata cun patio interior); outras compoñen grupos de dous ou tres vivendas, xunto cunha ou con varias dependencias engadidas a modo de alpendres ou almacéns, áreas para traballos domésticos e artesanais, cuadras ou patios para animais, etc. Noutras ocasións trátase de construcións completas pero illadas, usadas como vivenda ou como lugar de uso comunal ou social. Tamén hai restos doutras construcións sen rematar ou de muros soltos. Así mesmo, pódense ver outros elementos como fogares, pilas ou surcos feitos na roca natural, buracos para afincar postes, etc. No antecastro situado á esquerda do camiño de entrada á acrópolis pode verse a boca dunha cova ou galería que escavaron na roca, posibelmente cun enfoque mineiro ou acuífero.
Os traballos arqueolóxicos non comezaron ata 1971, promovidos por Ramón Falcón e dirixidos por Manuel Chamoso Lamas. Esta primeira fase de excavaciones chegaría ata 1978. Entre 1978 e 1982 produciuse un intervalo nos traballos no Castro, ata que nesta última data, agora baixo a dirección do gran mestre Felipe Arias Vilas, iniciábase a segunda fase de excavacións, que aínda perdura pois o xacemento non está, nin moito menos, esgotado nin se pode dar por concluído o estudo e interpretación das súas estruturas e materiais. Nesta segunda etapa, a atención aos traballos no Castro conxúgase coa potenciación das actividades do seu Museo monográfico.
É importante destacar que o mundo dos castros non desaparece por completo logo da conquista romana do Noroeste por Augusto, aínda que si acabaría provocando o final da Cultura Castrexa propiamente dita. É dicir, moitos castros efectivamente abandónanse e as súas xentes van ocupar os vales e as zonas máis chas e abertas, así como as cidades e outros asentamentos de nova planta, pero outros poboados castrexos perviviron durante a época romana, en ocasións ata tempos tan tardíos como os séculos IV e V d.C., conservando características propias á vez que ían asimilando influencias foráneas, de carácter material e tamén ideolóxico. O conxunto de elementos castrexos e de achegas romanas é o que chamamos Cultura Galaico-romana, á que pertencen diversos tipos de xacementos arqueolóxicos, e entre eles castros como o de Viladonga.
Mercé á excavación atopáronse un gran número de xoias e utensilios: colares e aneis de ouro, azabache, ferro e bronce, torques e aneis de ouro, contas de colar e outros adornos diversos, así como diversas mostras de apliques, broches, fíbulas e outros arreos de cabalería, compases, ferramentas e armas de pedra, ferro e bronce, dous taboleiros de xogo en lousa e unha gran cantidade de cerámica, así como innumerables elementos construtivos e abundantes muiños manuais, sobre todo de tipo circular.
Si os animades, o Castro visítase e pouco máis de media hora, atopando unha magnífica extensión no Museo do Castro, situado aos pés da muralla. As instalacións do museo albergan con detalle o que visitaches no Castro, tanto obxectos achados polos arqueólogos como explicacións para entender mellor a vida durante ese periodo de tempo. Todo o conxunto realiza unha interesante función didáctica para os visitantes e os escolares que acoden a ver este bonito e interesante lugar. As salas do Museo tamén teñen maquetas do poboado, para poder entender mellor a historia e evolución do Castro de Viladonga.
E si ides coa familia e apetécevos, podedes complementar a viaxe con outras actividades. Falamos do parque Marcelle Natureza, un pequeno recinto onde os animais atópanse en réxime de semilibertade. Achegarse para coñecer o nacemento do Miño, que segundo din ten dúas orixes: Fonmiñá e Ou Pedregal de Irima; este lugar en concreto é en realidade unha morrena glaciar, na que o que escribe estas palabras descendeu, e para alegría dos seus acompañantes, de xeito accidental, cal pasaxeiro de “trineo”, pero sen máis “trineo” que os seus pantalóns. Aínda por riba, unha cidade tan espectacular como Lugo, e que tantas opcións e actividades tanto naturais, culturais, como lúdicas ofrécenos, atópase apenas a 23 quilómetros.
Un saúdo. Ata a próxima.
Lectura recomendada