No século IV, Prisciliano revolucionou as bases do cristianismo primitivo chocando frontalmente coa Igrexa, polo que foi acusado de herexe e executado en Tréveris no 385 por orde do emperador Teodosio. Os seus restos serían levados a Galicia polos seus seguidores, tal como cítase na Crónica de Sulpicio Severo, a principios do século V. Este traslado estaría relacionado -dise- cunha posible orixe galega deste herexe.
A primeira noticia documental da existencia de priscilianistas é unha carta do ano 378 ó 379 na que Higinio, bispo de Córdoba, denuncia a propagación deste movemento a Hidacio, bispo de Mérida. Desta denuncia despréndese que o movemento relixioso foi descuberto durante o período da súa expansión pola provincia de Lusitania. A difusión do priscilianismo comezara varios anos antes, permanecendo até entón na escuridade. Talvez ao expandirse en Lusitania, o movemento se radicalizase e ostentase comportamentos máis rechamantes que até entón non foran percibidos.
Sobre a figura de Prisciliano pesan moitas incógnitas. A primeira delas é a da súa orixe. Prisciliano naceu en torno ao ano 340 nun lugar indeterminado, barallándose as posibilidades de que sexa galego, bético, lusitano ou mesmo oriental. É un personaxe controvertido, misterioso e apaixonante do que di a Crónica de Sulpicio Severo que era “de familia nobre, rico, de recio carácter, inquieto elocuente, erudito, moi resolto para a oratoria e home de éxito, se non corrompese o seu bo dotado talento con erróneas afeccións […]”.
Dados a extensión e o arraigamento que o priscilianismo alcanzou en Galicia (sobre todo tras a súa morte) a maioría dos autores suponlle unha orixe galega, aínda que non sexa un feito comprobado.
Para algúns autores, Prisciliano naceu no seo dunha familia adiñeirada da Galicia romana, na segunda metade do século IV. Chegou a ser unha persoa moi culta, estudando en centros tan prestixiosos como Bordeus. Estando alí, en contacto coa relixiosidade que se respiraba naquela cidade, decidiu abandonar toda a súa vida anterior, acomodada e rica, e lanzarse a unha vida de pobreza e predicación por todo o territorio peninsular, chegando incluso a súa doutrina a algúns lugares de Francia.
Nas súas orixes estivo influenciado por movementos relixiosos da época, os cales buscaban retomar a pureza dos Evanxeos, movemento recorrente ao longo do tempo que dará lugar ás distintas herexías, todas elas perseguidas pola Igrexa oficial.
Cando comeza a difundir as súas ideas, ao redor do ano 375, Prisciliano é un seglar de clase alta, orixinario dalgún lugar da provincia romana de Gallaecia. Prisciliano promove unha espiritualidade profunda, introspectiva, próxima ao esoterismo e aos poderes do cosmos. Os seguidores de Prisciliano deixan que as mulleres lean a Biblia en casa de homes cos que non teñen parentesco, xaxunan os domingos, retíranse ás montañas, usan o zodíaco como referencia, e andan descalzos.
Vinculou o cristianismo ao gnosticismo, ao encratismo e ás prácticas máxicas e astrolóxicas. O gnosticismo é un sistema de filosofía relixiosa, mestura da cristiá con crenzas xudaicas e orientais, cuxos partidarios pretendían posuír un coñecemento completo e transcendental da natureza e os atributos de Deus.
Avogou pola interpretación persoal dos textos evangxélicos, expondo o principio do libre exame e esixiu que a Igrexa volvese unirse aos pobres.
O priscilianismo tampouco se librou desta persecución. Prisciliano foi nomeado bispo de Ávila o ano 380 e isto non foi visto con bos ollos por outros bispos, que decidiron acusarlle de herexía. Foi excomulgado e perseguido, tendo que fuxir a Bordeos
De maneira recorrente afirmouse sobre Prisciliano que foi o primeiro herexe contra a Igrexa cristiá emerxente, pero realmente foi xulgado pola lexislación civil e non pola eclesiástica, e non se lle condenou por herexe. Realmente era por ese motivo polo que se lle xulgaba, pero este foi maquillado e condenóuselle polo outro. No ano 385 foi condenado por inmoralidade e maxia, e decapitado en Tréveris xunto a outros seguidores desta corrente.
Segundo o escritor ourensán Méndez Ferrín, coa súa morte, “non acabou o movemento por el iniciado, xa que é a partir dese momento cando comezará a desenvolverse con máis vigor, e máis -aclara- en Galicia”. Foi inicio, con todo, dun proceso de persecución de anacoretas, vexetarianos, ascetas e todo o que tivese trazas de priscilianismo, levado a cabo pola Igrexa para tratar de frear a expansión e depurar as raíces desta corrente.
En canto á translación dos seus restos a Galicia, que se realizou segundo Sulpicio Severo o ano 389, se teoriza, sen referentes históricos, que se puido facer a través da ruta que logo seguirían os peregrinos a Compostela, iniciándose así o Camiño de Santiago, catro séculos antes de que comezase a peregrinación histórica coñecida.
Tras a súa morte o movemento continuou, sobre todo nalgunhas zonas, principalmente en Galicia. Mesmo hai autores que afirmaron que os hipotéticos restos que se veneran como do apóstolo Santiago pertencen realmente a Prisciliano, os cales foron trasladados até alí polos seus seguidores tras a súa morte.
Especulouse sobre a posibilidade de que estivese enterrado na catedral de Compostela, en lugar do corpo do apóstolo Santiago.
A Prisciliano seguíuselle rendendo culto en Gallaecia, onde o seu éxito estivo ligado coa irrupción do pobo suevo, que viu no seu herexía un interesante elemento de cohesión interna e diferenciación co resto da península. O priscilianismo mantívose nesta terra até os concilios católicos de Braga de 561 e 572, é dicir, até pouco antes da caída do reino suevo.