Recreación Desembarco Normandía, A Coruña 2019
Chega unha recreación da época contemporánea, referímonos á celebración do 75 aniversario do desembarco aliado en Normandía. Esta celebración é o punto cume de Ariete, o evento dedicada as recreacións históricas que se inclúe dentro das festas da Coruña. A recreación terá lugar o domingo, 4 de agosto, ás 13:20 horas, no coruñés Monte de San Pedro. Nesta ocasión realizarase unha homenaxe ao soldado coruñés falecido na devandita operación, Manuel Otero. O evento será desenvolvido pola asociación Royal Green Jackets.
O Día D, expresión que hoxe utilizamos habitualmente para fixar a data dun evento memorable, ten a súa orixe no uso por parte dos militares do bando aliado durante a II Guerra Mundial, ao referirse a un ataque ou operación de especial significado. A máis importante a que se identifica co 6 de xuño de 1944, con motivo da Operación Overlord cuxo principal obxectivo era o histórico Desembarco de Normandía grazas ao cal se iniciou a liberación de Europa baixo a ocupación da Alemaña Nazi.
Por iso, en paralelo, o sempre interesante Museo Histórico Militar da Coruña ofrécenos unha exposición que permanecerá aberta ao público até o 15 de setembro. Nesta mostra titulada Operación Overlord poderán verse reproducións de uniformes, dioramas, armas e figuras do soado día D.