Próximas as datas dos máis afamados sorteos da Lotaría Nacional, consideramos interesante indagar nas orixes deste tipo de xogo do azar.
O rei Carlos III promulgou o 30 de setembro de 1763 un Decreto no que declaraba o seu firme propósito de controlar a práctica dos xogos de azar en España: “Prohibo que as persoas estantes nestes reinos, de calquera calidade e condición que sexan, xoguen, teñan ou permitan nas súas casas os xogos de banca ou faraón, baceta, carteta, banca errada, sacanete, parar, trinta e corenta, cacho, flor, quince, trinta e unha envexada, nin outros cualesquiera de naipes que sexan de sorte e azar”. Só un xogo gozaba do consentimento do monarca, o que decidira introducir en España nese mesmo Decreto: a lotaría.
O primeiro nome que tivo foi o de ”Lotaría de Madrid”, e enseguida alcanzou un enorme éxito. Desde mediados do século XVII xa se desenvolveu en diversas cidades italianas, e alí coñeceuna Carlos III e copiou o modelo para establecelo en España, cando regresou en 1759 para ocupar o trono, tralo falecemento do seu irmán Fernando VI. E é que a lotaría constituíu unha moi apreciada fonte de ingresos para a monarquía e encaixaba á perfección na política de incremento de taxas e impostos e de establecemento de monopolios que Carlos III aplicou ao subir ao trono.
Para anticiparse ás críticas que a Igrexa, por medio do papa Benedicto XIII manifestara respecto de a lotaría italiana, Carlos III anunciou no decreto fundacional que a nova lotaría tiña unha finalidade soamente benéfica, pois debía servir para sufragar hospitais, hospicios e obras pías e públicas.
En canto ao funcionamento desta primeira lotaría, hai que resaltar o seu parecido coa actual lotaría primitiva. O xogo resultaba complicado, o que explica que se publicasen manuais para os xogadores. Había un total de 90 números posibles, dos que saían cinco premiados. Os xogadores podían facer combinacións de apostas, escollendo varios números e a cantidade que quería apostar. En canto aos premios, a cuantía era fixa e non consistía nunha proporción da cantidade recadada en cada sorteo, a repartir entre os acertantes, senón que dependía da suma apostada e calculábase a partir do inverso da probabilidade de acertar en cada modalidade de aposta.
Hai moitos testemuños de que a lotaría alcanzou gran popularidade, pois así aparece recollido en numerosos sainetes.
No entanto, parece ser que a incerteza na administración estatal de lotaría foi, ademais das estreiteces fiscais, un dos factores que levaron ás Cortes gaditanas de 1812 a aprobar unha nova modalidade de lotaría, máis previsible e de grandes posibilidades recaudatorias: a lotaría de billetes fragmentados en décimos, coñecida como “holandesa”, “moderna” ou simplemente “lotaría nacional”.
Xoguedes ou non á lotaría, sorte, saúde e felices festas.