Non hai mellor plan que ter a oportunidade de gozar da familia e amigos, aprender algo novo, coñecer persoas interesantes ou ter acceso a algún acontecemento que che faga emocionar.
E un pouco de todo iso podemos atopar no magnífico libro “Francisco de Goya. O tempo tamén pinta”, escrito de xeito delicioso por Miguel Calvo Santos.
Calquera interesado na vida ou obra deste xenial pintor, atopará sen gran esforzo numerosas reseñas, publicacións, monográficos, estudos, e até longametraxes e series televisivas.
Pero nesta ocasión non estamos a falar dunha achega máis, lendo este magnífico libro podemos acceder a unha visión moito máis inmersiva e persoal na biografía de Goya, para entender, compartindo ou non, a maioría das súas motivacións, inquietudes, opinións, ideoloxía…
Adoita dicirse que un bo retrato é unha biografía pintada. Neste caso, eu diría que un bo retrato de Goya é unha biografía sen dubida moi ben estruturada e escrita.
Nesta obra atopamos a vida deas Francisco de Goya, desde o seu nacemento até a súa desaparición, física, pois a súa presenza artística pervivirá moito tempo, se non eternamente.
Cunha narración entre o ensaio, o teatro, incluso a novela, o autor ábrenos unha xanela para coñecer , en palabras de Miguel Calvo, ao artista máis moderno da historia, un artista marabillosamente contraditorio que soubo harmonizas esas contradicións dotándoas dunha estraña coherencia.
Goya, un melómano cun sentido do humor mundán, cun carácter difícil, inimigo da hipocrisía e a inxustiza aparécesenos, mostrando as súas fortalezas e debilidades ao longo das súas peripecias: o seu especial amistade con Martín Zapatero, a relación cos seus cuñados, os irmáns, e tamén pintores, Bayeu, ou con Memgs, a súa vida matrimonial, as súas pulsións pola Duquesa de Alba, as súas viaxes a Italia, o descubrimento de Velázquez, os seus problemas de saúde e a súa influencia na súa obra, son só algúns dos aspectos que de maneira sumamente atractiva cóntanos Miguel Calvo.
Goya preconizaba a liberdade artística e esta afirmación referéndaa o autor con numerosas historias e situacións que nos mostran un pintor coma se fose un reporteiro gráfico que nos deixa pasaxes daquela terra patria co seu cheiro a xofre, pois tras un levadío reinado de Carlos III, Goya tería que convivir co seu sucesor Carlos IV, a súa esposa María Luisa de Parma e o seu fillo Fernando, o futuro Fernando VII, o rei felón.
É unha obra que eu lin de vez, un fin de semana, encheume de satisfacción. Nel atoparedes unha linguaxe sinxela e “expresións contemporáneas”, cun lixeiro toque sarcástico e irónico, tan propio da idiosincrasia do galego (o autor). Un libro honesto cheo de amor e devoción ao artista e a súa obra, escrito por un home que sabe do que fala desde o punto de vista histórico, artístico e crítico.
Non é unha biografía máis, é sen dúbida unha obra diferente, dedicada á vida e obra dun pintor diferente.
A pesar de que como se adoita dicir non hai dúas persoas que lean o mesmo libro, asegúrovos que neste caso subscribo as palabras de Francis Bacon: “algúns libros son probados, outros devorados, e moi poucos masticados e dixeridos”.
Bo proveito!