Nestes tempos de confinamento que nos tocou vivir, moitas persoas recorren á comparativa coa mal chamada “gripe española”, quizais polo número de mortos, quizais por un sentimento nacional ou simplemente por culturilla.
Certo é que en 1918 unha epidemia de gripe empezou a propagarse por todo o mundo. Naquel momento varios países estaban inmersos na I Guerra Mundial (1914-1918) e, polo tanto, a epidemia quedou nun segundo plano diluída entre os acontecementos do momento.
Ademais bastante tiñan xa coa guerra e os gobernos non querían que a poboación se asustase aínda máis, por iso de “can pobre, todo son pulgas”. Así que, moitos países decidiron censurar as noticias sobre a gripe e esconder que boa parte dos seus soldados estaban a morrer por culpa dunha enfermidade –como para levantar o espírito patriótico e chamar ao alistamiento!-.
En España, país que se mantivo neutral e non participou na Gran Guerra, os diarios si que realizaron un seguimento informativo da enfermidade, motivo polo cal os demais países acabaron bautizando esta “epidemia” como gripe española, a pesar de que a enfermidade non se orixinou en España.
É certo que humanamente cando xorde unha ameaza a primeira preocupación é poñerlle nome, coma se nomeala fose o primeiro paso para controlala, pero hoxe en día sería impensable un chamala gripe española ou de calquera outro país, independentemente da súa orixe. A OMS estableceu no 2015 unhas directrices que estipulan que os nomes das enfermidades non deben facer referencia a lugares, persoas, animais ou alimentos concretos, así como tampouco se deben incluír palabras que susciten medo.
A gripe de 1918 é unha das primeiras epidemias das que se teñen documentos escritos e fotografías, que nos permiten ver como afectou o mundo.
Nun primeiro momento considerouse unha simple gripe onde a sintomatoloxía era similar a unha gripe simple: febre, irritación de garganta e dor de cabeza, e as autoridades non tomaron medida algunha para frear a súa expansión. Fronte a outras epidemias que afectaban principalmente a nenos e anciáns, este virus tamén afectou a un gran número de adultos sans de entre 20 e 40 anos.
Co paso do tempo o virus foi expandíndose por todo o mundo provocando a morte a un número indeterminado de persoas, pero que oscila entre os 20 e os 50 millóns. Non hai datos oficiais, non existía a OMS, pero ademais é moi difícil de determinar nun mundo en Guerra quen morría e de qué. A maioría das mortes producíronse en só trece semanas, polo que a gripe española foi ampla no espazo e breve no tempo.
O que si sabemos é que a infección se contaxiou dentro dos exércitos con facilidade. Multitude de soldados hacinados eran caldo de cultivo para o virus. Nalgúns casos os soldados enfermos eran enviados a casa, o que contribuía a expandir o virus entre toda a súa familia.
Ademais, os países froito da destrución carecían de medios materiais, económicos e humans para facer fronte a unha nova enfermidade. O esforzo da investigación e a ciencia da época orientábase cara ao descubrimento de novas armas. Non esquezamos que á I Guerra Mundial debémoslle a invención dos tanques, o perfecionamento dos avións de guerra, o gas venenoso e como consecuencia as máscaras antigás, os lanzallamas…, Como ían dedicar o seu tempo para combater un simple virus cando estaba en xogo a honra e o amor á patria?.
Ante semellante situación, os médicos tiñan moi limitada a súa resposta, limitándose a aplicar os remedios da época desde o sangrado ou a administración de osíxeno ata receitar aspirinas en grandes cantidades.
Froito da gripe española faleceu o poeta Guillaume Apollinaire, personaxe destacado do movemento vangardista francés. A el debémoslle o termo surrelista. O día do seu funeral, dous días máis tarde da firma do armisticio que puxo fin á guerra, ao saír da igrexa o cortexo viuse rodeado por unha ruidosa multitude que axitaban os brazos e gritaban: ”non, non tes que marchar, Guillaume”, retrouso dedicado con ironía ao kaiser derrotado pero que encheu de emoción aos amigos de Apollinaire, crendo que se referían a este. Como sinala Laura Spinney, autora do libro “el jinete pálido” de lectura recomendada para os interesados neste tema, a morte do poeta é unha metáfora do esquecemento colectivo da maior matanza do século XX.
Como está a suceder na actualidade coas redes sociais e determinada prensa, nas páxinas dos diarios da época anunciábanse medicinas e remedios milagrosos para curar o virus. Houbo quen se animaba a fumar pensando que a inhalación do fume mataba os xermes.
Como nun primeiro momento non se tomou en serio, os gobernos tampouco adoptaron medidas preventivas para a contención da enfermidade. Non se suspenderon festas populares nin tampouco cerimonias relixiosas. Co tempo, empezáronse a desinfectar espazos públicos como teatros, fábricas e medios de transporte. Tamén se recomendou o peche de universidades e escolas e o uso de máscaras para todos os empregados que atendían ao público.
En canto á orixe do virus non hai un acordo unánime respecto diso. As versións varían desde un tipo de arma usada polos alemáns, ata a mantida por editoriais estadounidenses que xustificaban o seu nome por ser levada a Estados Unidos por inmigrantes españois aínda que se iniciou en China.
Aínda a día de hoxe hai testemuños vivos da “gripe española” que, ademais, superaron tamén o COVID-19.*
*Noticia do diario O País 25.04.2020
Bibliografía:
O xinete pálido, de Laura Spinney