Este ano no que unha pandemia privounos de gozar das festas de recreación medieval, merece a pena pararnos a valorar eses lugares onde habitualmente viñanse celebrando as mesmas, e onde o fragor da festa fai que os monumentos e beleza dos lugares onde estas festas teñen lugar queden relegados a un segundo plano.
Hoxe imos deleitarnos na beleza dunha das principais prazas da fermosa vila mariñeira de Noia: a praza do Tapal. Esta fermosa praza conta cun pano de fondo soberbio e grandioso: a fachada da igrexa de San Martiño, un dos monumentos relixiosos e históricos da vila, por non dicir o máis fermoso de todos eles.
A igrexa de San Martiño foi mandada construír polo Arcebispo Lope de Mendoza e pertence ao estilo gótico-mariñeiro que se caracteriza por ter un teitume que lembra a quilla dun barco. Consta dunha soa nave con contrafortes moi destacados para soportar os robustos arcos que sosteñen a cuberta.
Nunha primeira visual xa se pode observar que a súa construción non foi froito dunha única campaña construtiva. É palpable a presenza de diferentes elementos estruturais, de referentes heráldicos e mesmo de visibles arrepentimentos.
A beleza da súa fachada, na que é evidente a influencia do Mestre Mateo, non deixa impasible ao observador. Se nos achegamos vemos unha portada enmarcada por tres arquivoolgas apoiada en tres parellas de columnas coas imaxes dos 12 apóstolos, cuxas bases están decoradas con bestas e figuras humanas (o triunfo do ben sobre o mal).
Polo seu marabilloso estado de conservación, é fácil identificar a cada un dos apóstolos pola súa simboloxía. Deseguido podemos ver na parte superior esquerda ao noso querido apóstolo Santiago.
Unha vez destacada a beleza da portada desta igrexa no conxunto da praza, non vou entrar a describir os seus elementos arquitectónicos, senón que vou subliñar as súas diferenzas con respecto a outras da súa época, as súas curiosidades e, especialmente, a súa lenda.
Como diferencia e curiosidade destaca a imaxe da virxe embarazada no lado esquerdo do arco exterior da portada e enfronte, no lado dereito, o arcanxo San Gabriel ao que se lle atribúe “A anunciación”. Non é habitual a representación da virxe embarazada e máxime cando o que se está representando é a anunciación.
Tamén é curiosa a decoración do rosetón. Enmarcado por catro anxos trompeteros aos catro ventos que representan a clásica visión apocalíptica do xuízo final. Está decorado con tres círculos concéntricos decorados, de exterior a interior, con bólas, motivos vexetais e músicos e anxos; é dicir dun extraordinario traballo que lle engade a esta portada unha riqueza insuperable que, con todo, conserva a limpeza e sinxeleza do románico sen achegarse a unha visión barroquista.
Tampouco pasan desapercibidos as súas ménsulas saíntes cuxa finalidade era cubrir os postos de mercado que se celebraban aos pés do templo, o que consolida a Noia como un importante centro comercial.
Pero, o que chama a atención a primeira vista e forma parte da lenda desta vila mariñeira é que nos atopamos cunha igrexa cunha soa torre. É dicir, o edificio segue sen concluírse case seiscentos anos despois de finalizadas as obras. Descoñécense os motivos polo que unha das torres quedo sen concluír, posiblemente por un problema económico, pero isto deu lugar ao nacemento da lenda local que di que o que tente terminar esa segunda torre, terá un tráxico final. Cóntase que iso é o que lle pasou ao mestre canteiro que, no seu tempo, tentaba construír esa segunda torre.
Aínda por riba, e para incidir na veracidade da lenda, no ano 1973 tivo lugar un tráxico suceso. Ese ano una das novas promesas do cinema español, Claudio Guerín, visita Noia para rodar unha película titulada “A campá do inferno”.
Para a rodaxe, tentouse realizar en cartón pedra a torre inacabada para que aparecese a torre cos seus dous campanarios. Cando só faltaba unha secuencia para acabar a película, Guerín subiuse á torre para emprazar alí a cámara. Ao tentar colocar a cámara, dió un tropezóns e precipitouse á praza desde unha altura de 20 metros. O director de cinema achou a morte, aos seus 35 anos, nas pedras da praza. Na súa caída tentou evitar o enreixado. Logrou evitar os ferros do enreixado, pero non logrou salvar a súa vida ao estrelarse contra o chan.
Aínda hoxe podemos ver unha cruz vermella pintada no lugar onde caeu Guerín.
A película “A campá do inferno” foi rematada por Juan Antonio Bardem. A dita película pasou a formar parte do cinema “maldito”, pero tamén de cinema de culto. Trátase dunha coprodución franco-española que narra a historia dunha vinganza. Un mozo sae do hospital psiquiátrico onde foi encerrado pola súa tía que pretendía inhabilitarlle para quedar co diñeiro da súa herdanza…. podedes imaxinarvos como segue. Haberá que vela!.
Iglesia misteriosa que forma parte da “ terra meiga” galega.