Friulio 2022
O Concello lucense de Friol recupera tamén a súa festa de recreación histórica, neste caso falamos dunha festa castrexo-romana, e que na IV edición que se celebrará este ano 2022, terá lugar entre os días 7 e 8 de maio.
Trátase dun evento que busca a súa consolidación, labor para a que o Concello e a Asociación de Recreación Histórica A Castronela, non regatean esforzos. Na edición deste ano espérase a participación de máis de 400 persoas, de 25 asociacións de recreación histórica, música tradicional e divulgación participarán este ano na celebración.
As actividades terán lugar no paseo fluvial, co establecemento castro galaico, onde se manterá a recreación de oficios e o campamento romano. Poderán ser visitados de 10.00 a 20.00 horas. O programa inclúe desde a recreación da vida nun castro até a elaboración do pan que utilizaban as milicias romanas nos seus desprazamentos ou do queixo de Friol, até desfiles de tropas romanas ou demostracións e talleres de teas, fiado e complementos, ourivaría, tiro con arco e xogos populares.
Tamén haberá representación, como a do asedio ao castro, onde se recreará o asalto das tropas romanas aos castros que existían en Friol. Tamén se representará a escaramuza castrexo-romana, o descenso en balsa do río Narla, o enterro celtíbero, que será o sábado pola noite, ou a voda celta, o domingo pola mañá. Ademais, tamén se realizarán escenificacións como «A muller en Roma», «O marido chafado» ou «Liorta polo tesouro do castro». Terán lugar no paseo fluvial, a avenida de Santiago ou a praza de Andón Cebreiro.
A música non pode faltar, polo que as actuacións musicais volverán ter unha gran importante, con preséntaa de distintos grupos folclóricos como: Xesta Verde, Tympana Gallaica ou Vos Melidaos. O sábado pola noite, actuarán As Antonias, Carlos Bau, A Banda do Camión ou DJ Expósito.
E a gastronomía, outro alicerce de forte atractivo nos eventos deste tipo, contará nesta edición cunha degustación gastronómica de porco celta ao espeto, que se celebrará o domingo a media mañá para todos os visitantes.
Coa idea de seguir crecendo, Friulio espera lucir as súas mellores galas, labor á que debe axudar o feito de que o Concello haxa convocado o concurso de escaparatismo e fachadas.
Aquí tedes o programa: