Empezamos hoxe unha serie, que iremos distribuíndo de maneira gradual, sobre o rico mundo mitolóxico galego.
Desde o comezo dos tempos, os seres humanos utilizan a mitoloxía como unha forma de explicar a orixe do mundo, os desastres naturais, cambios estacionais, etc., É dicir, todos os eventos que non podían entender. No caso de Galicia referirémonos a aquelas crenzas populares que sobreviviron ao paso dos anos e ao proceso de aculturación.
A idea é publicar varias entradas, conforme á seguinte distribución:
- O Panteón Galaico
- Samhaim o Samai
- As pedras e as rocas na mitoloxía galega
- San André de Teixido
- Criaturas presentes na mitoloxía galega
- Outras lendas
Esta primeira entrada a dedicaremos ao Panteón Galaico. Referímonos a divindades de orixe galaica, con influencias de orixe lusitana, divindades de orixe celta, xermanas e romanas. Seguidamente relacionamos algúns deles
Bandua: deus galaico da guerra.
Berobreo: deus do Alén (o Outro Mundo da mitoloxía galega). ). O maior amorno dedicado a este deus atopado até agora, está no castro do Facho de Donón, na Península do Morrazo, fronte ás Illas Cíes.
Bodan: deus de orixe suevo. En Galicia tamén se lle coñece co nome de Dombodán ou de Bodán, nome que se asemella moito ao famoso Wodan dos xermanos (o Odín dos nórdicos). É o rei dos deuses, un gran meigo-druída, deus dos guerreiros, deus do día, da noite, e dunha parte dos mortos. É un deus guerreiro, e sempre vai acompañado dos seus dous corvos.
Boruoboendua: Borvo ou Vabusoa, é unha deidade pan-céltica, galaica e lusitana, asociada coa curación e coas augas. Atopáronse varias inscricións dedicadas a este deus en Caldas de Vizella. Este deus foi identificado con Marte na mitoloxía romana, e atopamos cultos a este deus, ademais de en a Gallaecia e na Lusitania, na Galia e na Germania.
Coventina: deusa da abundancia e da fertilidade. Está fortemente vinculada coas ninfas da auga.
Cosso: deus da guerra, moitas veces identifícaselle con Bandua, xa que ambos son deuses guerreiros, só que con distinto nome.
Edovio: divindade masculina asociada ás augas termais. .
Endovelico: deus da curación e dos vaticinios. Mostrábase á xente en soños, por iso podería considerarse tamén unha especie de divindade do soño.
Frovida: divindade acuática, probablemente asociada aos ríos e ás augas correntes.
Lug: deus solar por excelencia, ligado á prosperidade, ao comercio e aos oficios artesanais. A súa figura asóciase á lanza.
Navia: deusa das augas, das fontes e dos ríos
Reva: deusa suprema asociada á xerarquía, á xustiza e á norte.
Tameobrigo: relaciónaselle cos ríos. Podemos atopar ríos en Galicia coa raíz deste deus, como o Tambre, ou noutras partes de Europa, como o famoso Támesis de Londres.
Trebaruna: deusa do fogar, das batallas e da morte na mitoloxía galaico-lusitana. O seu nome pode provir do céltico trebo (home) e runa (segredo, misterio), facendo posible referencia ao feito de ser unha divindade protectora das terras ou propiedades, do fogar e das familias. Comparoulla coa divindade romana Vitoria. Esta é unha das deusas máis coñecidas e importantes dentro do panteón galaico.